Normativa xeral

Intranet xogos - Partynet

  • Na intranet da party, haberá unha sección chamada Partynet, que será a web/intranet específica de xogos para o evento.
  • Todos os usuarios han de facer un bo uso do Partynet.
  • Se se detectasen accións malintencionadas, o usuario poderá ser penalizado mesmo coa expulsión do evento.
  • A información da Partynet estará en continua actualización, prevalecendo o seu contido sobre o publicado en xgnrencounter.gal
  • Se estás apuntado a unha competición, non esquezas visitar periodicamente Partynet para ver o estado da competición, noticias, avisos, etc.

Inscricións

  • Para inscribirte nunha competición:
    • Has de estar na party e ter o teu computador en LAN
    • Has de acceder á intranet a través dunha navegador Web, cos mesmos datos de usuario que na inscrición á party.
    • Unha vez autentificado, terás acceso ao Partynet, listaxe de competicións e á inscrición nelas.
  • Só debes inscribirte nas competicións que realmente queiras xogar e dispoñas de tempo para elas. Se a organización ve que te inscribiches en varias competicións para logo non xogalas, serás penalizado.
  • Se a inscrición é para un equipo, todos os integrantes do equipo han de rexistrarse na intranet por separado. Unha vez rexistrados, o capitán do equipo será o encargado de inscribirse na competición e engadir ao resto de xogadores ao equipo.
  • Os xogadores da GameGune non poderán participar nas competicións de Partynet.

Normativa xeral para as competicións

  • Cada competición pode ter unha normativa específica que complementa á normativa xeral.
  • En caso de normas similares, a normativa específica prevalece sobre a normativa xeral.
  • Horarios e información
    • Toda a información acerca das competicións será publicada e actualizada en  Partynet.
    • Puntualidade. Van facilitar uns horarios de competición a seguir.
  • Partidos
    • Has de buscar ao teu adversario para xogar a partida.
    • Unha partida non se pode atrasar máis de 15 minutos do horario previsto.
      • Se o teu opoñente non apareceu durante eses 15 minutos, has de comunicarllo ao organizador da competición, quen ditaminará que facer, sendo a decisión normal a descualificación do xogador que se atrasou. Durante o tempo de espera has de permanecer no servidor ou posto de xogo.
      • Se o atraso é por ámbolos dous xogadores/equipos, realizarase un sorteo para determinar quen pasa á seguinte rolda.
    • Cada equipo terá 30 minutos despois de finalizar a rolda de partidos para enviar o resultado a través do  Partynet. Excedido ese tempo o resultado non contará e a competición seguirá adiante.
    • Se pasados 30 minutos do termo de cada rolda aínda faltan resultados, os participantes destes serán descualificados e, se fose necesario, realizarase un sorteo para seguir coa competición.
    • Se abandonas voluntariamente unha partida, darase a partida por perdida.
  • Desconexións durante un partido
    • En caso de desconexión durante un encontro: consultar normativa específica da competición, ou consultar co organizador.
  • Resultados
    • Os resultados hanse de enviar a través de  Partynet.
  • Control de partidas
    • Demos
      Se o xogo o permite, obrigatoriamente, todos os xogadores deberán gravar demo da partida.
    • Screenshots
      Todos os xogadores deberán sacar unha screenshot ao comezo dunha partida coa listaxe e información de xogadores, e outra ao finalizar a mesma co resultado. As screenshots han de mostrar toda a pantalla e non estar recortadas.
    • Estas demos e screenshots poderán ser solicitadas pola organización.
    • Calquera organizador pode pedir e comprobar a configuración dos xogadores.
  • Substitucións
    • Para equipos
      • Non se poderán realizar substitucións durante un enfrontamento, salvo excepcións: Problema de hardware ou forza maior. En tal caso pausaríase o partido (se o xogo o permitise) e consultaríase coa organización. No caso de que o xogo non permita  pause, o xogo continuará sen que ninguén pulse un só botón mentres o xogador implicado comenta o problema coa organización. Se a organización o ve oportuno dará permiso a que un xogador suplente entre na metade do enfrontamento, a condición de que ese xogador xa estea inscrito no equipo.
    • Para competicións dun só xogador
      • Non se permiten substitucións durante todo o campionato.
  • Configuración nos xogos
    • Usaranse as configuracións e  skins por defecto, podendo cambiar controis e configuracións permitidas segundo competición.
    • Non se permite o uso de Cheats, Bugs, Exploits, Scripts que non estean permitidos nas normas específicas da competición.
  • Comportamento
    • Respecto e xogo limpo.
    • Prégase que manteñades os postos limpos.
    • Facede bo uso do material das competicións.
    • Non se permiten altofalantes, megáfonos, vuvuzelas….
    • Se a partida se realizou nun servidor ou consola da organización, unha vez acabada has de irte. Se durante un partido entras ou molestas ao resto de xogadores, serás penalizado.
    • Só os capitáns poden facer uso do chat público. En caso de xogos individuais, todos poden facer uso do chat público.
  • Contactar coa organización
    • Calquera xogador en xogos individuais pode contactar coa organización.
    • Só o capitán en xogos por equipo pode contactar coa organización.
    • En caso de dúbida, disputa, protesta, deberase contactar en primeira instancia co organizador responsable da competición.
    • En casos excepcionais ou en caso de non chegar a un acordo co organizador da competición, poderase contactar co coordinador da área de xogos, Slipy.
    • Se a reclamación é sobre unha partida, esta deberá realizarse unha vez acabada a partida.
    • Se un equipo protesta sen motivo aparente, presenta probas ou acusacións falsas será penalizado.
    • Lembrade, sexa cal fose o caso, acudide con calma ao organizador.
  • Lembrade, todos somos asistentes a unha  party, e farase uso da megafonía e do  videowall, polo cal pedimos a todos un pouco de comprensión respecto ao ruído ambiente á hora de xogar un partido, debido a que non se baixará o volume nin se atrasará ningunha actividade.
  • O incumprimento da normativa pode carrexar unha penalización, a expulsión de todo o equipo da competición ou mesmo da party en casos graves.
  • A organización resérvase o dereito para modificar o regulamento sen previo aviso coa fin de actualizar as normas, mapas, horarios ou comportamentos das competicións, avisando diso a través da intranet de xogos, Partynet.
  • En calquera caso a decisión do responsable da competición, ou do coordinador da área, prevalece sobre as normas tanto xerais como específicas.

twitter facebook