Desempoa o teu gamer interior! Volve a competición de desenvolvemento rápido de videoxogos opensource: Fast FOSS Game. Unha vez comezada a XGN R Encounter propoñerémosvos un tema, e teredes que desenvolver un xogo libre nun tempo limitado.
Por suposto, o xogo deberá ser utilizable en sistemas GNU/Linux, todos os recursos, librerías, e/ou frameworks utilizados deberán ser software libre, e o resultado deberá de ser licenciable baixo unha licenza libre OSI (ou unha combinación de varias compatibles). Presentaremos todos os xogos na gran pantalla!
Os xogos probaranse sobre un sistema Arch Linux actualizado, con GPU Intel. Poderase utilizar calquera paquete no repositorio principal de Arch Linux como dependencia, a condición de que o indiquedes no README. Tamén son admisibles xogos HTML5, que se probarán sobre a última versión de Chromium dispoñible no repositorio.
Os resultados deberanse entregar en formato de código fonte, xunto cunha lista de dependencias necesarias e instrucións de compilación.
As normas completas desta actividade serán publicadas durante a party na Intranet.