A XGN R Encounter da "un paso de xigante" no seu proxecto de crecemento

  • Ricardo Durán, director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, destacou a cantidade e a calidade das actividades que se desenvolveron nestes tres días, así como a comodidade das instalacións e a estabilidade da rede, que permitiu aos participantes gozar dunha velocidade de conexión de 10 Gbps
  • As primeiras impresións dos participantes nas enquisas de valoración están sendo moi positivas, o que reforza o propósito de facer un evento o máis atractivo posible para todo o que se achegue ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA
  • A idade media dos participantes é de 27 anos, o que confirma que moitos deles son profesionais que acoden á XGN R Encounter como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos. En canto á súa procedencia, os inscritos chegaron dende 19 provincias, aínda que a gran maioría son galegos

Silleda, 14 de outubro de 2018.- Os responsables da  XGN  R  Encounter consideran que esta décimo oitava edición supuxo "un paso de xigante" no proxecto de crecemento da  party, que comezou o pasado ano. Ricardo Durán, director xeral da Fundación Semana Verde, destacou a cantidade e a calidade das actividades que se desenvolveron nestes tres días, así como a comodidades das instalacións e a estabilidade da rede, que permitiu aos participantes gozar dunha velocidade de conexión de 10  Gbps.

Para o desenvolvemento do evento, a  Feira Internacional de Galicia  ABANCA contou novamente con  R como colaboradora e patrocinadora oficial e tamén co respaldo da Consellería de Política Social, impulsora do evento. Na súa primeira xornada a party contou coa visita da titular deste departamento da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez.

Como primeiro indicador do crecemento da cita, nesta edición que hoxe remata tomaron parte preto de 900 inscritos, fronte aos 800 do ano pasado. Desta forma, e dentro do proxecto de crecemento do evento, para o ano próximo o obxectivo é chegar aos 1000 participantes. De igual forma, a zona de  extranet, aberta ao público e de carácter gratuíto, foi un éxito, xa que preto de 1500 persoas pasaron polo recinto para gozar das experiencias de realidade virtual, conferencias, xogos, exhibicións, talleres formativos e exposicións que encheron de actividades a  lanparty durante o últimos tres días.

De igual forma, nesta edición apostouse por mellorar a comodidade dos participantes, con maior espazo nos postos e con mellores e máis cómodas instalacións na  extranet. As primeiras impresións dos participantes nas enquisas de valoración están a ser moi positivas, o que reforza o propósito de facer un evento o máis atractivo posible para todo o que se achegue ao recinto feiral de Silleda. De feito, tamén se mellorou a estética e a acústica do pavillón cuns panos negros xigantes tras as pantallas e os paneis do frontal, que incrementaron a calidez do espazo.

Os organizadores tamén destacaron a altísima participación dos inscritos nas máis de 60 actividades desenvolvidas durante a  lanparty. En concreto, resultou rechamante a calidade dos traballos presentados en arte dixital, o interese polas zonas de impresión 3D e realidade virtual e a asistencia ás conferencias e talleres formativos. Entre estes últimos destacaron tamén os talleres crea  R de robótica para nenos de entre 7 e 15 anos e a charla de nativos  R dirixida a persoas pouco inmersas no mundo dixital pero que conviven e educan ás novas xeracións de nativos tecnolóxicos.

En canto á estabilidade da rede, que apenas tivo incidencias durante o evento, tamén foi un dos éxitos desta edición. O traballo dunha vintena de técnicos de  R foi clave para manter por segundo ano consecutivo unha velocidade de conexión de 10  Gbps, grazas a que a empresa de telecomunicacións galega despregou o pasado ano un cable de fibra óptica de 120 quilómetros de lonxitude desde Vigo ata o recinto.

O éxito desta edición e o crecemento do evento confirman a versatilidade da  Feira Internacional de Galicia  ABANCA para acoller grandes eventos con prestacións de alta calidade e comodidade.

Perfil dos participantes

A idade media dos participantes é de 27 anos, o que confirma que moitos deles son profesionais que acoden á  XGN  R  Encounter como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos.

En canto á súa procedencia, os inscritos chegaron desde 19 provincias. A gran maioría deles son galegos, pero tamén acudiu un bo número desde Madrid e Asturias, e en menor medida, desde provincias como Toledo, Biscaia, Cantabria, Burgos, Valladolid, Navarra, Barcelona, Sevilla, Córdoba, Málaga, Murcia e Baleares.

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532

 

Localización

twitter facebook