A XGN R Encounter arrinca cunha especial aposta pola realidade virtual e a arte dixital

  • O evento ofrece máis de 60 actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, a formación e o ocio a todos os que desexen achegarse á Feira Internacional de Galicia ABANCA. Ademais dos cerca de 900 inscritos, espérase que visiten esta cita tecnolóxica máis de 1.500 persoas
  • A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia visitou esta mañá o evento acompañada da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ademais doutras autoridades e o director xeral de R, compañía que patrocina e colabora activamente nesta lanparty e tamén na Technium R Encounter de Ourense

Silleda, 12 de outubro de 2018.- A décimo oitava edición da  XGN  R  Encounter está xa a pleno rendemento. Tras a apertura oficial desta mañá, quedan por diante tres días repletos de actividades, desde torneos de videoxogos e competicións de robótica ata talleres formativos, pasando por charlas e conferencias. Pero sen dúbida, este ano a  party galega realizou unha especial aposta pola arte dixital e as experiencias de realidade virtual.

Este evento está organizado pola  Feira Internacional de Galicia  ABANCA co respaldo da Consellería de Política Social e a colaboración e patrocinio da empresa  R. Un dos seus principais obxectivos é fomentar o intercambio de coñecemento e o achegamento ás novas tecnoloxías, e desta forma, prográmanse decenas de actividades formativas e lúdicas para participantes e visitantes. Este ano decidiuse incidir especialmente na realidade virtual e a arte dixital, dúas áreas con enorme capacidade de crecemento e con múltiples aplicacións.

Así, a zona denominada  Extranet, na que poden participar tanto os preto de 900 inscritos á  party como os máis de 1.500 visitantes que se esperan durante os tres días, contará con dúas grandes áreas de realidade virtual. A primeira delas, xestionada pola empresa  Wuautech, conta con 150 metros cadrados repartidos en catro espazos:  Metacity, unha experiencia incriblemente realista que permite percorrer as azoteas dunha gran cidade; zona de realidade mixta, unha aplicación de debuxo que combina realidade virtual e  croma;  Metaglider, un simulador de voo en á delta cunha inmersión total, e  Metabis, unha actividade coa que é posible sentir que se camiña sobre a auga e se interactúa con distintos obxectos.

A segunda zona de realidade virtual, tamén instalada na 'Extranet', e por tanto aberta a todo o público que visite o recinto, contén tres espazos pechados, dotados da última tecnoloxía, para practicar con xogos de habilidade, de desenvolvemento cognitivo e de pura acción. A disposición dos habitáculos, en escuridade e illados do resto do evento, favorece a sensación de inmersión na experiencia.

En canto ás actividades relacionadas coa arte dixital, durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital nas súas tres vertentes, creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Os encargados de organizar estas competicións explican que en varias delas é posible participar con obras elaboradas previamente, sempre que sexan orixinais e non participasen noutros concursos. Nestes casos, a temática é libre. Como excepcións, hai cinco competicións "fast", que esixen que os seus autores as realicen durante o propio evento.

Ademais do fomento da creación artística durante o evento, a  XGN  R  Encounter tamén busca poñer en contacto aos artistas que acoden á  lanparty pero que non se coñecen previamente. Así, a través de mesas redondas e á propia dinámica das competicións, créase un espazo para o intercambio de ideas e coñecementos

Visita á  party

A  party contou esta mañá coa visita da conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, quen estivo acompañada da directora  xeral de  Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, e a directora da  Axencia para a Modernización  Tecnolóxica de Galicia (Amtega), María del Mar Pereira Álvarez.

Neste percorrido da conselleira polo evento tamén estiveron, ademais doutras autoridades, Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, e Alfredo Ramos, director xeral de  R, compañía que patrocina e colabora activamente nesta  lanparty e tamén na  Technium  R  Encounter de Ourense. Este último destacou o esforzo realizado este ano para reforzar a  extranet, a zona aberta ao público, con actividades que permitan chegar ás familias. Precisamente, o taller de robótica de  R que se celebrará mañá logrou un gran éxito de convocatoria ao contar coa participación de máis de 60 nenos e nenas. Ramos subliñou, así mesmo, “a aposta de R por organizar cada vez máis talleres que contribúan a espertar vocacións ao redor das carreiras tecnolóxicas e que ese espertar se faga extensivo tanto a nenos como a nenas, pois outra das apostas do proxecto e de R é potenciar a presenza feminina no sector das novas tecnoloxías”.

En canto a Ricardo Durán, mostrouse satisfeito co crecemento da  party, que se achega aos 900 participantes, tras os 800 que reuniu na pasada edición. “Esperamos contar con mil o próximo ano e seguir crecendo ata aproveitar ao máximo a capacidade deste recinto”.

Durante esta visita a maioría dos preto de 900 inscritos tomaban xa parte do evento na súa zona ‘Intranet’, onde dispoñen dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón. Ademais de gozar dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos, poden navegar a unha velocidade de 10 Gbps grazas a  R, que despregou o ano pasado un cable de 120 quilómetros de lonxitude desde Vigo ata o recinto. 

Decenas de actividades

Inscritos e visitantes poden acceder ás actividades de áreas como ‘hardware’, que permitirán aprender a modificar e personalizar equipos, e non faltan as ‘granxas’ de impresoras 3D, onde se impartirá formación a quen desexe aprender sobre esta tecnoloxía. Tamén haberá ocasión de participar noutras propostas, como partidas de rol en vivo, combates  nerf, torneos de sumo e  soft  combat, concurso de  cosplay, xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, unha escape  room ou un circuíto de  parkour.

Súmanse a elas distintas conferencias que abordarán temas de gran interese, como o desenvolvemento do talento grazas aos videoxogos e a  gamificación, que é a rede  IVAO, os fundamentos dunha  cloud privada  enterprise, o  hacking ético e a  ciberseguridad ou o proceso de desenvolvemento dunha  App  Android en contornas empresariais.

A  XGN  R  Encounter tamén conta cun espazo dedicado á robótica, os talleres crea  R, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos; e unha charla nativos  R dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven con estas xeracións de ‘nativos tecnolóxicos’. Ambas as iniciativas enmárcanse no programa  Digitalent da AMTEGA, no que  R participa para estimular o talento precoz no ámbito das TIC.

 

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532

 

Localización

twitter facebook