A party informática XGN R Encounter arranca este venres máis grande que nunca

  • Comeza a semana da súa celebración superando xa os 800 inscritos que participaran o ano pasado neste evento, no que se espera que outras 1500 persoas acudan ao recinto para gozar dalgunha das múltiples actividades programadas
  • A XGN R Encounter contará cunha zona denominada ‘Intranet’ orientada aos inscritos, onde disporán dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos. Ademais terá unha área coñecida como ‘Extranet’, cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.
  • Inscritos e visitantes poderán gozar durante estes tres días de xogos, conferencias, talleres e experiencias de realidade virtual, entre decenas de propostas lúdicas e formativas

A party galega XGN  R  Encounter comezará este venres a súa décimo oitava edición, máis grande que nunca. Así, o evento arrinca a semana da súa celebración superando xa o rexistro de inscritos da pasada convocatoria, cando 800 persoas tomaran parte co seu ordenador. Ademais, espérase que outras 1500 persoas acudan ao recinto para gozar das actividades que se desenvolverán durante os tres días, ata o domingo 14. O recinto  Feira Internacional de Galicia  ABANCA (Silleda), co respaldo da Consellería de Política Social e o patrocinio e colaboración da empresa  R, volverá acoller este evento tecnolóxico, no que os participantes poderán navegar a unha velocidade de 10  Gbps, así como aprender, intercambiar coñecementos e divertirse coas decenas de actividades programadas.

Para lograr a velocidade de 10  Gbps no evento,  R despregou o pasado ano un cable de fibra óptica de 120 quilómetros de lonxitude desde Vigo ata o recinto. Desta maneira, a infraestrutura xa instalada permite agora potenciar os contidos e facer medrar o evento, co obxectivo de converterse no segundo máis importante do Estado.

Nesta edición celebraranse máis dunha decena de torneos de videoxogos, así como nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drons. Ademais, haberá máis conferencias, talleres formativos e alternativas de lecer.

A  XGN  R  Encounter contará cunha zona denominada ‘Intranet’, orientada aos inscritos, onde gozarán dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos. Tamén terá unha área coñecida como ‘Extranet’, cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.

Todo isto ultímase xa cun equipo conformado por máis de oitenta persoas que desempeñan distintos labores organizativos, como montaxe, conectividade, contidos, actividades ou coordinación.

A  XGN  R  Encounter vinculouse o pasado ano á rede de 'Encounters' de  Euskaltel, que vén desenvolvéndose desde hai 25 anos, e da que forman parte a  Euskal  Encounter, a  Gipuzkoa  Encounter, a  Araba  Encounter e a  Technium  R  Encounter de Ourense. De feito, a incorporación como patrocinadora e colaboradora da empresa de telecomunicacións  R, integrada no Grupo  Euskaltel, permitiu este "irmandamento" entre os afeccionados á informática de ambas as comunidades, e permitiu un enriquecemento mutuo de coñecementos e experiencias.

Actividades para inscritos e visitantes

Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital, nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e a programación. O talento creativo dos participantes sairá a relucir a través das diferentes competicións, ás que presentarán as obras realizadas durante o evento. E tamén poderán completar a súa formación a través de talleres e conferencias en temáticas relacionadas coas novas tecnoloxías.

Os afeccionados ao ‘hardware’ contarán cunha ampla listaxe de actividades. Entre elas, a modificación, cambio e personalización dos seus equipos, para mellorar a súa estética ou as súas prestacións. Non faltarán as ‘granxas’ de impresoras 3D, onde se impartirá formación a quen desexe aprender sobre esta tecnoloxía, nin un espazo de realidade virtual

Tamén haberá un espazo dedicado á robótica, os talleres crea  R, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos; e unha charla nativos  R dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven con estas xeracións de ‘nativos tecnolóxicos’. Ambas as iniciativas enmárcanse no programa  Digitalent da  Axencia para a Modernización  Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do que  R forma parte.

Inscricións

O prezo de inscrición á  XGN  R  Encounter é de 40 euros durante a  party e de 35 euros levándose a cabo mediante reserva previa, a cal aínda se pode realizar xa que quedan algunhas prazas libres.

Tamén será posible participar na  party mediante as entradas de día, que teñen un custo de 10 euros, e que poderán ser adquiridas no mostrador de acreditación, aínda que non dan dereito a conectar un ordenador na  party. En todo caso, quen desexe achegarse a Silleda como espectador terá acceso libre e gratuíto.

 

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532

 

Localización

twitter facebook